Thursday 25 de April de 2024

Goberno e Marea Atlántica acordan destinar máis de 9 millóns de euros a políticas de vivenda pública e rehabilitación en 2022


Ambos os grupos priorizan o investimento para protexer o dereito á vivenda como primeiro paso no pacto orzamentario global

O Goberno municipal e o grupo Marea Atlántica presentaron hoxe o primeiro acordo orzamentario dentro do marco de diálogo que abriron nos últimos meses. Ambos os grupos decidiron priorizar o dereito á vivenda dentro do orzamento de 2022 e comprometer un investimento superior aos 9 millóns de euros.

Para o portavoz do Goberno local, José Manuel Lage, “este avance orzamentario pon de manifesto a nosa vontade de seguir chegando a acordos que melloren a calidade da vida das coruñesas e os coruñeses, como fixemos cos orzamentos participativos, a lei da área metropolitana, a ordenanza de rehabilitación ou o operador enerxético”.

Pola súa banda, a voceira da Marea Atlántica, María García, lembrou que “o acceso á vivenda é un problema na Coruña, onde temos o maior número de pisos baleiros de Galicia, preto de 20.000, e estamos á cabeza do encarecemento da vivenda nas capitais de todo o Estado, cunha suba do 8% no último ano. Cómpre abordar de vez a situación, para a que non existen solucións máxicas, e que precisa un enfoque integral desde todas as administracións. Por iso, con este acordo, queremos poñer a vivenda coma un eixe central nas políticas públicas do Concello da Coruña. Para loitar por un dereito esencial para unha vida digna”.

Goberno e Marea Atlántica acordaron incluír unha dotación mínima de 2 millóns de euros no orzamento de 2022 para adquirir, mediante convocatoria pública, edificios, soares evivendas para ampliar o parque municipal de vivenda cun triplo obxectivo: dispoñer de máis recursos para afrontar situacións de emerxencia, como os casos de desafiuzamento; contribuír á mobilización de pisos baleiros ou en mal estado; e intervir no mercado do alugueiro poñendo a disposición da cidadanía unha maior oferta de carácter social no contexto do Plan estatal de acceso á vivenda 2022-2025, facendo especial fincapé en
persoas menores de 35 anos e maiores de 65.

Ademais incrementaranse en polo menos un 30% os fondos dispoñibles para a bolsa de vivendas en alugamento de EMVSA, para aumentar o número de persoas beneficiarias e ampliar o seu alcance, con especial atención á mocidade e persoas maiores, máis alá das situacións de extrema vulnerabilidade. Procederase así mesmo a unificar a xestión municipal do parque de vivendas e o seguimento dos seus usuarios e as súas usuarias, e reforzar o seguimento habitacional das familias vulnerables que estean nos distintos plans municipais.

Goberno e Marea Atlántica amosaron tamén o seu compromiso de reservar 3,6 millóns de euros para a mobilización de solo municipal para construír vivenda pública en réxime de alugueiro, na liña dos proxectos impulsados no pasado e no presente mandato na rúa Marqués de Pontejos e no barrio de Xuxán, priorizando localizacións con acceso a servizos e equipamentos públicos dentro do tecido urbano da cidade.

Tamén se incrementan nun 20%, sobre o orzamento do 2020, as partidas destinadas á rehabilitación, con perspectiva de xénero e especial atención aos barrios, aos colectivos máis vulnerables, á accesibilidade e á eficiencia enerxética.

Ambos os grupos acordaron tamén demandarlles ás administracións competentes, Xunta e Estado, o incremento dos fondos destinados a vivenda pública, a mellora das leis de vivenda correspondentes e a regulación de novas situacións como as vivendas de uso turístico.

Por último anunciaron a súa vontade de abrir antes do vindeiro 31 de xaneiro unha ampla rolda de encontros con axentes sociais da cidade (universidade, asociacións veciñais, colectivos que traballan polo dereito á vivenda…) co obxecto de presentar a iniciativa conxunta de elaborar un Plan municipal polo dereito á vivenda 2022-2026 que deberá estar aprobado no primeiro semestre de 2022.